PFC 2013

The Goote Project

The Goote Project é un proxecto gráfico, baseado en dúas novelas de ficción distópica:
We (Yevgueni Zamyatin, 1921) e 1984 (George Orwell, 1948).

Este texto está dirixido a quen non coñeza, ou queira rememorar a lectura, de algunha ou ambas novelas amentadas.
Os seguintes resumes describen, brevemente, a atmosfera e condicións sobre as que se desenvolve o proxecto.

We (Nosoutros)

No século XXVI o mundo é gobernado polo Estado Único, que controla todos e cada un dos aspectos da vida dos seus cidadáns. Estes atópanse nunha gran cidade, rodeada e protexida do salvaxe exterior polo muro verde e a torre dos acumuladores, que illa súa atmosfera eternamente azul da contaminación exterior.

Trátase dunha comunidade sedentaria, homoxénea, despersonalizada e deseñada baixo os principios do socialismo científico e o taylorismo : Sistema de traballo baseado en criterios racionalistas, que considera ao traballador dende un punto de vista estritamente funcional, a través de unha Táboa das Leis de Horas que rexe todo o seu tempo. Estes traballadores carecen de velo corporal, van rapados e uniformados con monos grisáceos, mentres se desprazan en formacións de a catro; sempre ordenada e sincronicamente sobre anchas e rectas avenidas, onde o cristal é o elemento principal xunto unhas membranas capaces de rexistrar calquera conversación. Todo reside na crenza de que o pensamento individual e a libre vontade son as causas da infelicidade, e por tanto débense erradicar. Calquera acto debe someterse a un movemento regulado coma o dunha máquina, non libre.

Os cidadáns, chamados números, son manexados con precisión matemática: As parellas sexuais están asignadas para erradicar a envexa, e o tempo de intimidade (asueto) é regulado. Os fillos non son "propiedade privada" e pertencen ao Estado Único. Tódolos números viven en edificios de cristal totalmente transparentes nos que a privacidade está prohibida; e, so mediante un billete especial, poden correr as cortinas para manter relacións sexuais; a comida é sintética e a relixión foi substituída por o seguimento cego ao Benfeitor: O líder do Estado Único, a quen non se pode por en dúbida baixo pena de ser executado nun rito público celebrado na Praza do Cubo, o gran monumento ao réxime. A correspondencia é intervida, e os Protectores encárganse de seguir aos números e vixiar que non se desvíen, de acto ou pensamento, da obediencia incondicional que deben ao Benfeitor. A música é matematicamente composta con máquinas, e as marchas e himnos oficiais son emitidos continuadamente nas fábricas.

Neste marco o protagonista e narrador, D503 é o cidadán ideal: Ortodoxo, inflexible defensor do sistema no que vive, e seguidor puntilloso de cada norma. É o enxeñeiro xefe da nave Integral: Un vehículo interestelar de cristal que ten a misión de converter, a outras especies extraterrestres, ás vontades da ideoloxía do Estado Único e da súa Táboa de Leis.

Namórase de I330, quen o introduce nunha maneira de pensar oposta que o arrastra sen remedio. confuso ante os seus sentimentos, trata de examinar a súa propia evolución e redescubrir algo xa esquecido: A alma. Por un intre, semella que algún tipo de rebelión podería enfrontarse ao réxime, pero a ciencia atopa un método cirúrxico para extirpar a fantasía, fonte de desigualdade e perigosas ideas.

1984

O Planeta Terra está dividido en tres imperios, sumidos nunha guerra interminable: Oceanía (Socialismo Inglés), Eurasia (neobolchevismo), e Eastasia (adoración da morte). Oceanía inclúe os actuais territorios de Reino Unido, Irlanda, América, Australia, Nova Zelandia e sur de África; e organízase en zonas aéreas (Airstrips).

O estado articúlase en catro Ministerios, divididos á vez en Departamentos: Ministerio do Amor (Miniluv, en Neolíngua), impón correctivos para reeducar aos cidadáns dentro da ideoloxía do réxime; Ministerio da Paz (Minipax), trata todo o relacionado ca guerra; Ministerio da Abundancia (Miniplenty), leva os temas de economía e sustento da poboación; e Ministerio da Verdade (Minitrue), adicado a manipular ou destruír documentos para impor a versión oficial da historia creada polo Estado en tempo real. Esta mutabilidade do pasado supón o control da realidade; e adicase unha palabra a este concepto, dobrepensar : Unha ferramenta intelectual que atopa a súa plasmación na Neolíngua: O idioma oficial de Oceanía, unha evolución artificial do Inglés que elimina e crea palabras novas, modelando a mentalidade dos cidadáns. A linguaxe determina a estrutura do pensamento, e o prescindir de medidas palabras desaparece tamén o seu concepto, impedindo así o libre pensamento.

O Gran Irmán é o eterno líder e máximo dirixente de Oceanía: Comandante, garda da sociedade, Deus págano e xuíz, ó tempo. É a encarnación dos ideais do Partido Único e vixía á poboación a través das Telepantallas, instaladas en avenidas e casas; da Policía do Pensamento; e dos nenos pequenos, que son formados como espías fieis o dogma establecido, para denunciar calquera acto ou pensamento prohibido. Mais que unha persoa real, o Gran Irmán é unha icona atemporal que carece das debilidades dun ser humano. Baixo a súa vontade está o Partido, a organización á que pertencen todas as persoas a excepción dos proles, maioría numérica, pero minoría social, considerados míseros animais incapaces de rebelarse. O Partido conta con dúas ramas: O Interior, no que militan os dirixentes; e o Exterior, a burocracia do aparato estatal. Os membros do último viven sometidos a un control e propaganda que desmoraliza e impide pensar criticamente, ameazados con perder a vida vaporizados (converténdose en nonpersoa) ou ser torturados por crimental (oposto o dobrepensar), criminalizados por o mero pensamento. Para verificar a fidelidade dos cidadáns, organízanse manifestacións de participación activa nas que berran consignas favorables ao Partido e arremeten contra os contrarios ao Estado. Trátase dun fanatismo que une aos habitantes fronte o inimigo.

Inmerso en todo este sistema, Winston Smith é militante do Partido Exterior e traballa no Departamento de Rexistro do "Minitrue", onde rectifica noticias para adaptalas á realidade do Estado. Pouco a pouco faise consciente da farsa que vive, e comeza a evadir a omnipresente vixilancia do Gran Irmán. Cando atopa o amor dunha xove rebelde chamada Xulia, tamén desenganada do sistema, afílianse a Irmandade: Un grupo de resistencia dirixido por Emmanuel Goldstein, considerado o gran traidor de Oceanía. Pero a resistencia era parte do mecanismo represor, e os protagonistas rematan encadeados pola Policía do Pensamento e torturados no Miniluv ata lavar as súas mentes. O único afecto posible é para o Gran Irmán.